Como reservar o servizo?
Podes reservar un servizo de transporte baixo demanda de tres xeitos:
- Desde a aplicación móbil de MoBT (Android e iOS), realizando unha procura no planificador de orixe e destino. Se o traxecto admite reserva baixo demanda, poderás completala iniciando sesión como persoa usuaria rexistrada en MoBT.
- Desde a web de MoBT, realizando unha procura no planificador de orixe e destino. Se o traxecto admite reserva baixo demanda, poderás efectuar a reserva tanto iniciando sesión como persoa usuaria rexistrada en MoBT como sen iniciar sesión.
- Por teléfono, chamando ao 981 546 100.
Se realizas a reserva por teléfono, unha persoa atenderate de 8:00 a 19:00 horas, todos os días laborables.
Nunha única xestión poderás reservar varias prazas no autobús ou, mesmo, reservar varias viaxes para os vindeiros 15 días.
Teño que reservar sempre para poder utilizar os autobuses?
Non. Só terás que realizar unha reserva para utilizar as paradas e servizos que se presten baixo demanda.
A reserva poderá facerse por teléfono, desde a aplicación móbil de MoBT ou desde a web de MoBT.
Tamén podes obter información dirixíndote á empresa de transporte que preste o servizo.
Cando debo realizar a reserva?
A reserva debe facerse antes das 19:00 horas do día laborable anterior a aquel no que vaias viaxar.
Así, se o próximo mércores 27 de decembro queres coller o autobús para ir ao centro de saúde, deberás realizar a reserva antes das 19:00 horas do martes 26 de decembro.
Pola contra, se o martes 26 de decembro queres coller o autobús para ir facer compras, como o luns é festivo, deberás realizar a reserva antes das 19:00 horas do venres 22 de decembro.
Que necesito para realizar a reserva?
Para realizar unha reserva deberás indicar o traxecto que desexas efectuar, seleccionando as paradas de orixe e destino, así como a data e a hora da viaxe.
Se utilizas o planificador da aplicación ou da web, avisarate automaticamente se algún dos treitos da túa viaxe inclúe paradas baixo demanda e permitirache realizar as reservas cun só clic.
Ademais, será necesario facilitar os datos persoais requiridos para xestionar a reserva, como o nome e apelidos, o número de DNI e, de ser o caso, outros datos de contacto, como un enderezo de correo electrónico ou un número de teléfono.
Ao finalizar a reserva facilitaráselle á persoa usuaria un código de confirmación que deberá conservar.
Se facilitas un enderezo de correo electrónico, recibirás tamén a confirmación da reserva por correo electrónico, o que facilitará a súa posterior consulta ou anulación, cando corresponda.
Debo chamar para anular a reserva se finalmente non vou viaxar? Como podo anular unha reserva?
Si. Se finalmente non vas viaxar, deberás anular a túa reserva. Se non o fas, outras persoas poderán quedar sen praza.
Se realizaches a reserva por teléfono ou desde a web sen iniciar sesión, deberás anulala chamando ao 981 546 100. Sempre que sexa posible, deberás indicar o código de confirmación da túa reserva. Tamén poderás realizar a anulación respondendo ao correo electrónico de confirmación enviado ao enderezo baixodemanda@xunta.gal.
Se realizaches a reserva desde a aplicación móbil de MoBT ou desde a web de MoBT como persoa usuaria rexistrada, poderás anulala desde a mesma canle, na sección “As miñas viaxes”.
Teño que facer algo para subir ao autobús?
Ao subir ao autobús na túa parada, deberás poder indicar á persoa condutora o nome da persoa que realizou a reserva e o seu código de confirmación.
Poderei subir ao autobús se non fixen reserva?
Se ninguén realizou unha reserva para a túa parada, o autobús non pasará por ela, polo que non poderás subir.
Ademais, outras persoas poden ter reservado noutras paradas as prazas dispoñibles do autobús, polo que, aínda que non estean ocupadas, pode que non queden prazas libres para a túa viaxe.
Podo reservar chamando directamente ás empresas que operan a liña?
Non. As reservas deberán realizarse a través dalgunha das canles habilitadas:
- Desde a aplicación móbil de MoBT, para persoas usuarias rexistradas.
- Desde a web de MoBT, tanto para persoas usuarias rexistradas como para persoas usuarias non rexistradas.
- Chamando ao 981 546 100.
Os teléfonos das empresas de transporte poderán seguir utilizándose para obter información sobre as súas liñas e horarios, pero non para realizar reservas do servizo baixo demanda.